DECLARACIÓN DE MEIRÁS
A loita pola recuperación do Pazo de Meirás, impulsada pola cidadanía galega, deu xa os seus froitos, pero aínda non rematou. Hoxe debatémonos no dilema entre converter este edificio en símbolo de ruptura co franquismo, de normalidade democrática, ou de continuidade dos intolerables privilexios da familia Franco.
Por dereito, o Pazo de Meirás é un ben público
O pasado mes de setembro, unha sentenza xudicial en primeira instancia estableceu que o Pazo de Meirás é propiedade pública. O inmoble chegou a mans do ditador Franco a través dun fraude nas escrituras e empregando procedementos represivos sobre a poboación. Ademais, durante a ditadura foi considerado polo Estado un edificio público e foron as administracións as que asumiron a súa xestión e os gastos derivados. Hoxe o Pazo está xa en posesión do Estado.
Porén, dado que a familia Franco presentou recurso ante o Tribunal Supremo, a decisión final non está aínda tomada e podería volver ás súas mans.
A Audiencia Provincial da Coruña resolveu un recurso dos Franco no que reafirmaba que o Pazo é propiedade pública pero engadía que o Estado debe indemnizalos polos gastos que asumiron desde 1975. Considera o auto que foron propietarios ilícitos pero “de boa fe”, pois descoñecían que o eran, o que resulta totalmente inverosímil. Despois de décadas de espolios ao pobo galego e ás administracións públicas, de ter gozado dun ben que non lles correspondía, é intolerable que agora haxa que pagarlles polo roubado.
Non podemos permitir un novo espolio: o dos bens mobles
De novo a Audiencia Provincial resolve outro recurso dos Franco polo que permite que retiren do Pazo todos os bens mobles do seu interior: obxectos, mobiliario, obras de arte... Ademais, obriga ao Estado a indemnizalos por reter no Pazo estes elementos. Porén, moitos destes elementos estaban no inmoble xa en 1938 e foron mercados e obsequiados á Xefatura do Estado, non a Franco. Outros foron incorporados durante a ditadura a través do espolio de patrimonio cultural galego ou de bens do Estado. Nin os primeiros nin os segundos deben seguir en mans dos Franco nin abandonar o Pazo: forman parte dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural. Unha cadeira tecida por Emilia Pardo Bazán, a mesa na que escribía as súas obras, as pedras do Pazo de Dodro, desmontado e trasladado a Meirás por orde de Franco, non poden servir para que os seus herdeiros fagan negocio. Deben ser protexidos como parte dese BIC e deben ser incorporados ao patrimonio público, porque a súa posesión por parte da familia Franco é produto dun roubo do que xa se beneficiaron durante máis de oitenta anos.
O Pazo de Meirás debe honrar a memoria das vítimas
O Pazo de Meirás é un espazo cunha forte carga simbólica, asociado á dor de moita xente que padeceu a ditadura e a un pasado traumático. De agora en adiante, debe servir para honrar a memoria das vítimas e como espazo de memoria democrática, asociado a usos didácticos. Entre as actividades que albergue, a investigación e a divulgación en torno ao franquismo e aos réximes ditatoriais en xeral deben constituír o eixe que o articule. Desde decembro, o Pazo está en mans do Estado. Cómpre a súa apertura ao público canto antes, para que a cidadanía faga seu un espazo furtado. E cómpre abrilo cun acto institucional en memoria das vítimas, anterior a calquera outra actividade que se celebre.
Comentarios
Publicar un comentario