Defende Meirás mantén a convocatoria de manifestación dentro Pazo malia o silencio do Estado sobre facilitar o acceso

 

·         "A cuestión fundamental da mobilización é a protección dos bens do Pazo de Meirás que están ameazados de ser obxecto dun novo espolio por parte dos Franco. Non imos entrar en liorta ningunha que beneficie aos Franco”, advirte Carlos Babío, portavoz da Iniciativa.

 

·         "O Goberno central non responde porque non ten resposta. Calquera resposta sería vergoñenta, porque o único que está a facer é impedir o dereito democrático de manifestación”.

 

A Iniciativa DEFENDE MEIRÁS mantén a convocatoria de manifestación dentro de Meirás malia o silencio do Estado sobre o acceso o Pazo. A concentración celebrarase a partir das 12 do mediodía de mañá sábado na explanada principal do Pazo de Meirás. O Concello de Sada ocuparase dos preparativos para que ese espazo estea acondicionado e a organización disporá un servizo de orde para acoller aos centos de participantes nunha convocatoria que se espera masiva e á que deron apoio 68 entidades de toda Galiza, incluíndo partidos políticos e sindicatos.

"A cuestión fundamental da manifestación de mañá as 12 en Meirás é a protección dos bens do Pazo de Meirás que están ameazados de ser obxecto dun novo espolio por parte dos Franco. Esa é a razón da mobilización das memorias do país e de todos os partidos, sindicatos, asociacións veciñais e culturais, un total de 68, que nos apoian e acompañan”, subliñou Carlos Babío, o portavoz de #IniciativaDEFENDEMeirás, este venres, 24 horas antes da mobilización, en rolda de prensa na Coruña.

“Que o Goberno central, coa súa actitude de non dar resposta a nosa solicitude de entrar no Pazo queira desenfocar o problema é cousa deles. Non imos entrar en liorta ningunha deste tipo que os únicos que beneficiaría sería aos Franco", precisou.

Acompañado por Berta Vigil, en representación das asociacións e colectivos que apoian a iniciativa, e por Manuel Pazos, da CRMH da Coruña, Carlos Babío subliñou que "o Goberno central non responde porque non ten resposta. Calquera resposta sería vergoñenta, porque o único que está a facer é impedir o dereito democrático de manifestación dun colectivo cidadán nun espazo público”.

O portavoz insistiu neste aspecto, como a mudanza fundamental desde que a última vez que o movemento memorialístico se manifestou en Meirás: “O Pazo de Meirás é desde decembro pasado un espazo público. E as memorias do país que agora estamos pedindo manifestarnos nese espazo para reclamar a protección dos bens ameazados polos Francos fomos protagonistas da recuperación do Pazo, e non o dicimos nós, está sentenza que obriga aos Franco a devolver Meirás. Non somos unha excursión de turistas. Non se nos pode dicir que nos poñamos á cola e anunciar, para unha semana despois da manifestación que temos convocada hai máis dun mes, unha apertura do espazo co fin de desmobilizar ao movemento memorialista e á sociedade civil galega".

"Non é a primeira vez que nos manifestamos en Meirás, nin será desafortunadamente a primeira vez desde que o Estado ten a propiedade de Meirás que nos deixan na porta. Xa lle deron coa porta no nariz a todo o movemento memorialista galego cando o pasado 10 de decembro se celebrou a cerimonia de entrega”, engadiu Babío.

“Malia a todo, seguimos apelando a iso que o Secretario de Estado de Memoria describiu no seu día como o Método Meirás. As memoria do país somos leais, temos os obxectivos claros e sabemos que loitamos contra a impunidade franquista e o franquismo. Confiamos en que ese espírito se poida recuperar. Por nós non vai quedar", concluíu o portavoz.

O PROGRAMA. A concentración previa á manifestación está prevista para as 12.00 horas na explanada que dá acceso á porta principal do Pazo. Grazas a colaboración do Concello de Sada, a organización disporá un escenario no que, segundo o programa, minutos antes das 13.00 horas os actores Isabel Risco e Fernando Morán farán unha presentación da reivindicación popular, despois haberá un breve concerto das Tanxugueiras e rematarán Manuel Pérez e Carlos Babío, portavoces da Iniciativa Defende Meirás coa lectura da Declaración de Meirás que recolle as demandas da mobilización.

SERVIZO DE BUSES. A Iniciativa DEFENDE MEIRÁS lembra que haberá servizo de autobuses desde Sada, con saída ás 11.40 desde a parada do Hotel, e desde A Coruña, con saída ás 10.00 horas desde a parada de San Pedro Mezonzo, e se fose precisa, cunha segunda viaxe ás 11.00 desde o mesmo lugar. O regreso está previsto para ás 13.30 horas unha vez remate o acto.

RESUMO DE APOIOS. Entre os colectivos que animan á mobilización están as formacións políticas Alternativa dos Veciños, Anova, BNG, Esquerda Unida, Marea Atlántica, Podemos e Sadamaioría, os sindicatos maioritarios do país, e todos os colectivos memorialísticos galegos, encabezados pola Asociación Irmáns Suárez Picallo de Sada e pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña.

A organización agradeceu tamén o apoio de personalidades dos ámbitos académico, cultural e político galegos, como Xesús Alonso Montero, Aurora Marco, Manuel Rivas, Uxía, Xosé Luis Rivas Mini, Quico Cadaval, Xabier Fortes ou Ana Miranda, entre outros, a través dunha campaña de vídeos en redes sociais chamando á mobilización en defenda de Meirás.

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Un ánfora do século III (AC), agasallo de estado en 1974, entre os bens que a familia Franco pretende sacar do Pazo de Meirás

“O movemento memorialístico galego non vai renunciar a manifestarse no interior de Meirás o 19X”

Carmen Calvo recoñece que o Estado actúa pola presión das memorias galegas