O Concello de Sada apoiou hoxe as nosas reivindicacións en Meirás

Compartimos a intervención realizada polo alcalde de Sada no acto institucional celebrado na mañá de hoxe no Pazo de Meirás e convocado polo goberno do estado. Nela recollense e resumense as demandas do Concello de Sada que desde as memorias compartimos plenamente

Benvidas todas e todos a Sada, e a estas Torres de Meirás que hoxe son símbolo e referencia, mais tamén obxectivo, da recuperación da memoria democrática e de recoñecemento público e democrático ás vítimas da ditadura.

Ninguén, tampouco o poder público, pode saber a onde vai se non sabe de onde vén.

Monzo, Prego, Carballeira, os irmáns Suárez Picallo, Gerpe, o alcalde de Sada Fernández Pita..... todas as persoas que viron truncadas as súas vidas, condenadas ao exilio, á persecución, á pobreza, ao espolio, ou a ser asasinadas polo simple feito de ser demócratas.

A todas e todos eles, o recoñecemento debido. E algo mais. O compromiso de manter viva e activa a súa memoria, como exemplo para o futuro. Fascismo nunca máis.

Como tamén é obrigado o recoñecemento a todas as persoas, colectivos e entidades que durante tantos anos, e en ausencia, cando non oposición, dos poderes públicos, foron quen de manter o combate democrático pola dignidade, pola historia e, sobre todo pola verdade. Sen elas, sen ese traballo e esforzo colectivos, hoxe non estariamos eiquí.

E dentro dese enorme traballo non sería xusto non facer expresa referencia ao labor realizado por dúas persoas, sadenses, Carlos Babio e Manuel Pérez. Moitas horas e adicación a poñer luz sobre o que foi o espolio de Meirás. Sen eles tampouco estariamos eiquí.

A realidade é teimuda. Pasaron 45 anos con estas Torres ocupadas ilegalmente, detentadas polos herdeiros do ditador. E se hoxe as administracións eiqui presentes podemos asinar este manifesto foi, certamente, porque o Estado exercitou as accións xudiciais oportunas, pero sen ese esforzo colectivo que antes indiquei, non sería posible. O Estado chegou, aínda que tarde.

Goberno do Estado, goberno da Xunta. O Protocolo de xestión compartida que hoxe asinamos é condición necesaria, mais non suficiente. As Torres de Meirás como lugar de memoria democrática e como referencia da vida e obra de Pardo Bazán, debe ser tamén espazo de participación pública, onde os colectivos e entidades da memoria, así como as vítimas da represión, o espolio e da ditadura, teñan recoñecemento e presenza efectiva e activa, todas elas. As que hoxe están eiquí presentes, e as que lexitima e motivadamente decidiron non asistir.

Dicia antes que o Estado chegou, aínda que tarde. Mais a integridade deste sitio histórico corre serio perigo. As Torres de Meirás son algo mais que un edificio e estes xardíns. Sono tamén os mobles que lle dan contido material e referencia histórica. Ben saben as administracións públicas eiquí presentes as iniciativas e accións que este Concello de Sada ten demandado e exercitado ao respecto do obxectivo da salvagarda da integridade do BIC, tanto no plano político como xudicial.

E hoxe sería un día para que o Estado e Xunta anunciasen publicamente o que a cidadanía desexa, pide e esixe. Ao Estado, a presentación inmediata dunha demanda xudicial reivindicatoria dos bens mobles que están no Pazo e á Xunta a incoación, tamén urxente, da modificación do Decreto BIC. Desta vez os poderes públicos están obrigados a non chegar tarde. Non son tempos de enguedelles competenciais. Non podemos permitir outro espolio mais ante a pasividade das administracións.

Remato. Hoxe asinamos un Protocolo. Nos próximos días estes espazos abrirán as portas á cidadanía. Unhas Torres de Meirás, libres, democráticas, galegas e participativas. Que así sexa.


Comentarios

Publicacións populares deste blog

Un ánfora do século III (AC), agasallo de estado en 1974, entre os bens que a familia Franco pretende sacar do Pazo de Meirás

“O movemento memorialístico galego non vai renunciar a manifestarse no interior de Meirás o 19X”

Carmen Calvo recoñece que o Estado actúa pola presión das memorias galegas