Os símbolos cos que Franco agochou a besta fascista que en realidade era


(Catálogo de pequenos tesouros que os Franco pretenden sacar de Meirás - parte 2)

BENS EN PERIGO

- Lousas no chan da capela.

- Retablo e pezas do conxunto.

- Cadeiras e reclinatorios.

A Iniciativa Defende Meirás difunde nestas publicacións parte dos bens incluídos no catálogo do Pazo de Meirás que a familia Franco pretende retirar (ou xa retirou nalgún caso) amparándose en controvertidas decisións da Xustiza española e con fondas reminiscencias franquistas.

A capela das Torres de Meirás, un espazo de culto relixioso que non podía faltar en ningunha casa nobre, re-acondicionado no seu día baixo a supervisión de dona Emilia (Pardo Bazán), converteríase co tempo nun dos lugares máis fotografados do Pazo durante as estancias do infame ditador que masacrou o país primeiro cunha guerra e despois con corenta anos de vinganza, fame e terror.

As Torres conservan eses signos de distinción e boato que tanto agradaban a familia do xenocida. Francisco Franco, que se fixo piadosamente millonario despois da guerra, legou -ademais de cartos e unha imaxe de austeridade cuarteleira-, títulos nobiliarios e símbolos de nobreza que agora, en pleno esfarelamento de todo aquel conto, aínda tratan de rapinar os herdeiros. Na capela hai pezas singulares. En teoría móbeis, e que por iso cómpre protexer contra a avaricia dos Franco.

No chan hai dúas pedras que son dúas lousas, unha delas cunha inscrición á memoria do fundador da casa medieval, Roi de Mondego, do século XIV. É a peza co número 27 do catálogo. Faría ben a Xunta en aumentar até onde se poida a súa protección.



Consérvase un retablo, orixinario do pazo ou Torre de Sada, borrominesco de finais do século XVII ou comezos do XVIII, incorporado ás Torres na súa construción a finais do século XIX. Na RAG (Real Academia Galega) hai depositada unha fotografía coa lenda: “Altar maior de igrexa non identificada”, e datada entre os anos 1900 e 1920, que é o retablo orixinal da capela. Estes bens en perigo de seren trasladados polos Franco forman parte en realidade do legado de Pardo Bazán.





Todas as figuras do retablo son as orixinais da época de dona Emilia, coa excepción da máis importante. A virxe que figura na parte inferior da sección central non é a orixinal. A orixinal era unha figura de Nosa Señora "de la Antigua”, que se reproduciu nunha postal que Pardo Bazán remitiu desde Meirás a Santiago de la Iglesia. A parte lateral esquerda do retablo ten simboloxía relativa á ascendencia de Emilia Pardo Bazán, e probablemente foi tallado á imitación do central, moi anterior no tempo. A da dereita ten simboloxía e heráldica relativa a Franco, pode ser unha reprodución dos anos da ditadura realizada a imitación da outra.

Na capela tamén se atopa o sepulcro mandado labrar por dona Emilia co fin de acoller os seu restos. Mais finalmente foi soterrada en Madrid e nunca se cumpriu esa súa vontade.



Ademais, están as cinco cadeiras de estilo neogótico con tapicerías bordadas por Pardo Bazán e outras mulleres da familia. Orixinalmente estaban situadas no despacho da planta baixa da Torre de Levante (ou tamén coñecida como a da “Quimera”). A máis grande, como se vén indicando, a do retrato de Catalina de Alexandría, formaba parte do escritorio de don Emilia. Os reclinatorios son tamén da época da escritora. Un deles mesmo leva as súas iniciais (PB). O único que non se pode confirmar é o de maiores proporcións, situado no centro e que empregaba Franco. O ditador e a súa dona axeonlláronse nesa capela en multitude de ocasións diante dos focos dos fotógrafos e do Nodo para exhibir a súa fe en Deus mentres saqueaban o país.



CAMPAÑAS EN MARCHA

A Iniciativa Defende Meirás convida e anima a todas as entidades memoria do país e persoas a título individual a que se dirixan á Consellería de Cultura e soliciten mediante un escrito que se publique de inmediato o catálogo de bens móbeis de Meirás, incorporándoos como anexo na declaración de Ben de Interese Cultural e asociados á categoría de sitio histórico.

Defende Meirás lembra que a mera incoación dese expediente outorgaría a todos os bens a protección á que fai referencia o art. 17.4 da Lei de Patrimonio cultural de Galiza.

O modelo para as peticións pode descargarse na seguinte ligazón:

https://defendemeiras.blogspot.com/p/protexamos-o-que-e-noso.html

E pode enviarse mediante o rexistro electrónico ou a través do correo: conselleiro.cultura.educacion@xunta.gal

En change.org, a petición “Protexamos o que é noso. Defende Meirás!” xa sumou máis 1.100 apoios en apenas tres días.

A ligazón para as adhesións é a seguinte:

https://bit.ly/3u9FVcD













Comentarios

Publicacións populares deste blog

Un ánfora do século III (AC), agasallo de estado en 1974, entre os bens que a familia Franco pretende sacar do Pazo de Meirás

“O movemento memorialístico galego non vai renunciar a manifestarse no interior de Meirás o 19X”

Carmen Calvo recoñece que o Estado actúa pola presión das memorias galegas