Galiza Cultura insta a Xunta a activar "todos os recursos" para que os Franco "non se apropien" de bens de Meirás


A Federación Galiza Cultura reclamou á Xunta de Galicia que active "todos os recursos" para que os Franco "non se apropien" de bens do Pazo de Meirás. Tamén pide que "cumpra" as directrices da Unesco e os acordos do Parlamento galego a este respecto.
Nun comunicado, demanda ao Executivo galego que "active con rapidez todos e cada un dos resortes, mecanismos e recursos necesarios para conseguir que a familia Franco non se apropie das esculturas do Mestre Mateo nin tampouco de calquera outro tipo de pezas que se atopen nos terreos ou no interior das Torres de Meirás e das súas edificacións anexas".

Neste sentido, cualifican de "nada proactiva" e de "morna" a actuación da Administración galega. "Trátase dun proceder, que tamén se verifica ao comprobar como se comporta ante os prazos legais que establece a xustiza para dar resposta á sentenza emitida polos tribunais", sinala sobre o fallo da Audiencia da Coruña que suspende o depósito dos bens a favor do Estado.

A Federación Galiza Cultura sostén, así mesmo, que "desde o punto de vista da protección patrimonial, e en concreto para que os bens móbeis non saian de Meirás, sería suficiente con que a Xunta incoase expediente para publicar como anexo o inventario á declaración BIC coa categoría de sitio histórico da que xa goza o Pazo de Meirás".

"Con todo, a Xunta, de maneira intencionadamente errónea, interpreta que debe ser o Estado quen debe facelo", lembra. Por outra banda, incide en que a publicación dese inventario "sería suficiente" para evitar "a saída" dos bens incluídos no mesmo.

Asemade, sinala a Fundación, a "pouca implicación na recuperación, amparo e defensa do patrimonio galego, por parte dos organismos sobre os que, por lei, recae tal misión", é algo claro no que respecta ao Executivo galego.

"En xeral, esta é a causa de que a nivel internacional as estudosas e estudosos e as institucións con competencias sobre patrimonio, pensasen (e propiciasen) que novos axentes sociais tiñan que intervir para que esta situación remate".

Comentarios

Publicacións populares deste blog

Un ánfora do século III (AC), agasallo de estado en 1974, entre os bens que a familia Franco pretende sacar do Pazo de Meirás

“O movemento memorialístico galego non vai renunciar a manifestarse no interior de Meirás o 19X”

Carmen Calvo recoñece que o Estado actúa pola presión das memorias galegas